SUSO BAHAMONDE

CAÍDA

 

O inverno que chegou magnífico

entrou como un río nocturno abríndose paso,

a golpes,

e trouxo en fervenza

flores de toxo,

e pólvora,

e viño tinto,

e confeti mollado,

e ácaros de molde,

e púlsares de neutróns,

e sabas sucias,

e libros esquecidos,

e seme na boca,

e cancións afinadas en Do,

e ti...

... e só ti

fuxiches cunha fría mirada industrial,

espida entre os planetas estáticos da mañá,

e sen pensalo, eu, dun golpe seco...

tirei do cable... tensado de aceiro secular... enganchado con

anzois á túa pel...

ás túas costas encrequenadas de rancor,

e ese fío que quedaba de nós,

ese mesmo fío que atura as túas cicatrices,

fixo rachar a túa pel, morna e invisíbel,

e deixeiche ir... lentamente

como a letanía dun cadáver río abaixo abríndose paso,

entre os carballos e as pedras e os lobos e os osos e ti... só

ti... espida e fría e decepcionantemente

fermosa,

nesa metade da vida,

coas mans sucias e as unllas mal pintadas,

como quen escarva entre a terra húmida

buscando novos corazóns,

sen outro propósito que o de abrirse paso

entre novos tempos de choiva e caída.

E eu, eu quedei sen tempo

cun río seco na casa

e os peixes agonizando entre as baldosas do cuarto de baño,

a pequenos chimpos, precisaban por sobrevivir.

Senteime a fumar un cigarro liado,

mentres eles, coa súa boquiña anfibia aberta,

chimpaban e chimpaban buscando

a inevitabilidade dunha orixe que xa nunca chegaría.

Pois alí, na casa,

entre as baldosas e a cinza,

tan só quedaba un río seco cheo de cantís prehistóricos,

botas vellas.

lavadoras de dez quilos,

botellas de vodka ruso,

e un cadáver.

E non houbo máis,

non houbo máis que un futuro de espiñas de peixe coas que

construín este novo fogar.

Pouco a pouco.

sen présa,

moldeei o que quedaba deses peixes,

e os restos do teu cabelo,

e a túa pel morta,

e o teu olor,

e a pegada do teu fluxo...

todo ben armado como se dunha pira funeraria se tratase,

todo ben pegado e ergueito,

e alí o coloquei, na metade desta vida, para lembrarme que nada

é real.

Nada é real.

tan só a inevitabilidade dunha orixe que nunca chegaremos a

alcanzar.

Despois, na noite, metinme na cama cun recordo de gasolina e

mistos.

 

Caída, Ed. M, 2019

PÁXINA 46

 

páxina impar vinculada JOSÉ VÁZQUEZ LISTE

baixarPDF.png

inicio npgGaZeta nº 0

índice

Somos npgGaZeta estraperlo participa vilariñas proxecto maría balteira

PortadaGaZeta.png

REVISTA DE AGRUPACIÓNS POÉTICAS DE BASE

os vilares lareira de soños MMXIX