JOSE VAZQUEZ LISTE

TAL QUE ASÍ (AUTOBIOGRAFÍA [COMPARTIDA]) 

 

Falareivos de min, dende a fronteira, mesma, da realidade, coa sombra das

verbas dun anxo da noite, alumando as pegadas deste amencer herdado;

Co recendo do resón dos seus versos, incendiando a espesura da néboa do meu

horizonte;

Co devecer das paredes do canón preventivo facendo reverberar o compás do

cronómetro, na fraxilidade da pel da caluga;

Coa vertixe do tremor do índice, dun enfermo de Párkinson, acariñando o

óxido do gatillo;

Coa soidade do fume dun pito alucinóxeno humedecido en Vodka Ruso

gabeando pola mistura das luces dos farois da madrugada coa friaxe suorenta

do bafo etílico da derrota á saída dunha taberna de pobo mariñeiro, unha noite

calquera, dun día calquera, dunha vida calquera...

Deixarei constancia da verdade baixo a rexa carauta da afouteza, ollarei o

mundo sen ser visto, ou mellor aínda, amosareivos a proba do delito, unha

imaxe de min mesmo, dende un plano extra corporal, ancorado á seguranza de

estar ollándome sen ser visto;

Rendereime ao irrefutable feito da existencia desa irrefreable masturbación

egocéntrica agochada na esencia masoquista do quinto exceso deste voyeur,

deste fetichista de sabas orgásticas empapadas coas cinsas da escoura da

humanidade.

Tal que así...

Tal que así é o poeta, mira dende fóra esa dor que che proe por dentro como

unha eiva crónica, como un martelo perforador nos tímpanos dun barreneiro

xubilado, dentro dunha caixa insonorizada ao baleiro, escudriña o núcleo desa

rocha granítica de ollar vulnerábel que es ti e suicídase cada noite cun cóctel de

miserias alleas, profana os teus altares na procura del mesmo e faise sangue na

espiña máis ferinte da coroa que escondes baixo o teu chapeu.

Tal que así...

tal que así é o poeta, como a luz ultravioleta dun investigador criminalista,

desafiuzado, tentando atopar baixo a planicie amidonada das sabas de tódolos

desterros, os segredos inconfesábeis do envés das engurras, dos restos

orgánicos dos excesos de cantos amantes anónimos se suicidaron alí antes da

súa desgraza;

Tal que así...

Unha vida sen vida, ás portas dun xardín, comendo infernos;

Un sopro silencioso de ar grávido de tormentas, arrincando da tumba os soños

esquecidos dun milleiro de palabras insomnes;

Un remuíño de inquietudes xirando no brillo nesgado do gume da vida, cun

pano esburatado nos ollos e unha armadura destemperada nas xemas da alma.

Pendurado da invisibilidade do recanto dos versos, véxome ollando sen ser

visto e son ego e son esencia e son martelo, son a túa dor no fondo vulnerábel

das miserias sangrando infernos, o fracaso da bala afundíndose na metade do

percorrido entre a incestuosa suor das sabas e o loito dun segundo, despois da

detonación.

Son ti, un eu emprestado, a fraxilidade do espello e o medo ao resón das

pegadas

fuxindo do lume.

Tal que así...

Somos.

 

PÁXINA 45

 

páxina par vinculada SUSO BAHAMONDE

baixarPDF.png

inicio npgGaZeta nº 0

índice

Somos npgGaZeta estraperlo participa vilariñas proxecto maría balteira

PortadaGaZeta.png

REVISTA DE AGRUPACIÓNS POÉTICAS DE BASE

os vilares lareira de soños MMXIX