TOÑO NÚÑEZ

VOLVER

 

Sabía que tiña que volver

tras dos meus pasos. Algún día.

Porque os recordos feríanme

na pel. Nel, no perímetro

da Casa do Souto,

habitaban as pantasmas

do destino. E todos os medos

do camiño. Volver...

Oír, ulir, lamber

coa xema dos meus dedos

resecos

o arrecendo daquelas bágoas

verdes da nenez.

Que regaban, aínda,

a epiderme dos lameiros 

ermos.

E andaban ceibes, perdidos,

repasando, sonámbulos, as pegadas

fosilizadas dos camiños

desertos. Si, os recordos ferían

coma coitelos.

A néboa dos invernos,

preñada de ausencias,

pousou no beirado dos meus ollos

cegos. Volver...

Procurar a luz primeira

no lume vivo

da lareira.

Abrir as físgoas, en carne viva,

das miñas paredes. E da miña

osamenta.

E alumarme todo por dentro.

 

Poemán, vv.aa. Ed. Estraperlo NPG-CulturaliaGZ, 2018

 

PÁXINA 4

 

páxina impar vinculada ANTÓN DE GUIZÁN

baixarPDF.png

inicio npgGaZeta nº 0

 

Somos npgGaZeta estraperlo participa vilariñas

revista de agrupacións poéticas de base

os vilares lareira de soños MMXIX