XOSÉ LEIRA LÓPEZ

TRAZAREI A BISETRIZ DE CADA ONDA

 

I

Trazarei a bisetriz de cada onda

tratando de atopar o perímetro dos teus ollos.

II

Vexo que agora te conformas

con mariñeiros fieis

ós cadernos de bitácora,

e que pensan en suaves beixos

no areal;

vexo que agora te conformas

con capitáns de gorra de prato

que seguen as derrotas

marcadas nas cartas mariñas,

buscando fondear en tranquilas enseadas;

vexo que agora te conformas

con todo o lene, o maino, o morno.

Abandonaches, quizais xa para sempre,

ó pirata que navega ó garete,

ó da bravura quente,

ó das abordaxes na noite,

ó dos combates corpo a corpo;

abandonaches, quizais xa para sempre,

ó pirata azul

que non segue nin acata

as leis da navegación.

III

Ti quixéchelo así:

teus son

os mares interiores e calmos,

túas

as enseadas ó abrigo,

as calas tranquilas,

as ondas mansas

e os pacíficos areais;

meu é:

o mar aberto,

o mar inmenso.

 

Poemas e mar de fondo. Ed. Universidade da Coruña, 2004.

 

PÁXINA 24

 

páxina impar vinculada ROSA MARÍA MARTÍNEZ DIOS

baixarPDF.png

inicio npgGaZeta nº 0

Somos npgGaZeta estraperlo participa vilariñas

revista de agrupacións poéticas de base

os vilares lareira de soños MMXIX