MANIFESTO DA POESÍA GALEGA DE BASE

Sostemos que para facer unha casa é preciso comezar desde os alicerces, porque ben sabido é que a forza de calquera construción reside na súa base.

 

A poesía galega contemporánea goza de grandes creadores e creadoras, peza imprescindíbel que nos fai medrar coa lectura dos seus versos, mais tamén están as persoas indispensábeis,  lectores e lectoras que teñen fame,  as famentas de poesía¡.

LogosAgrupacions.JPG

Todas as persoas que conformamos a poesía de base, constituímos un espazo mestizo de poetas e lectorando fértil, catalizador de creación poética e canle de difusión e socialización da poesía.

 

A poesía de base é o movemento cultural cidadá composto por agrupacións poéticas que apoiamos e difundimos a poesía, unindo a diferentes creatividades coa característica da convivencia harmoniosa de estéticas,  estilos e temáticas diferentes.

 

Así, para unhas a poesía é instrumento para denunciar situacións de marxinación e inxustiza, na búsqueda da defensa da parte máis débil do tecido social,  para outras é ferramenta para concienciar á sociedade sobre a realidade que nos toca vivir propoñendo escenarios alternativos, noutros casos, como canle para  expresión  da creatividade meramente simbólica, intima e persoal ou  de crise existencial.

 

E en todo caso poder sentir a presenza do colectivo que comparte as mesmas inquedanzas, onde voluntariamente participamos  creadores de diferentes idades, estéticas e sensibilidades,  mais que compartimos a necesidade de participar en  común e alimentármonos das creacións e iniciativas colectivas das agrupacións.

 

Porque a poesía é unha maneira poliédrica de mirar o mundo, de encher de beleza e reflexión a paisaxe da existencia. E nós respiramos poesía a cotío, viaxamos  a cabalo dela. Xunto coa nosa fala propia é a casa que habitamos, a ponte que nos une. Se a isto engadimos unha rede humana que abrangue toda esa bagaxe, temos un espazo social para fornecer e acoller todo ese potencial creativo que medra no espazo aberto do noso país.

 

Fagamos da poesía de base unha buguina que fomente a creación poética e a espalle na nosa terra e mesmo alén do mar.

 

VERSOS DE AREA

NPG NOVA POESÍA GUITIRICA

IRMANDADE POÉTICA E ARTÍSTICA GALAICO-LUSA

COLECTIVO LITERARO IN NAVE CIVITAS

NÓMADES DO VERSO. GRUPO POÉTICO ANTÓN BORRAZÁS.

COLECTIVO LITERARIO MORAIMA, A GRAFÍA DA EMOCIÓN.