XESÚS TRASHORRAS NOGUEIRA

 

ESCOLA DE PÁRVULOS

 

Ruínas dun vello castelo,

Grallan paxaros mouros.

Poceiras, aquí e acolá,

Gris que en silencio esbagoa.

Entre vetustas pedras,

Antes, Casa do Concello,

Bate a choiva na xanela,

O frío rila nos ósos.

Unha mestra agarimosa,

Unha recua de cativos,

Mandilón de cor azul.

Entre as mans un silabario,

Romano é o seu nome,

Catón : ma, me, mi, mo, mu...

Todos a coro cantando.

E no soto, o gran misterio,

O cuarto, chamado das ratas,

Seica antano foi prisión.

Cándidas e pícaras olladas

Entre as rellas da xanela

Procurando algún roedor.

Vella escola de párvulos,

Fóra chove con máis forza,

As choias grallan na Torre.