TERESA RÍOS

 

BANDA SONORA DO ILLAMENTO

 

Como flotando no limbo

durmen e soñan os ideais.

 

Coa promesa pintada 

no envés das sabas 

de esquecer obrigas 

para argallar 

solucións de urxencia 

neste mar de néboa 

 

Sen dereito a confesión 

a alma é unha antiga imaxe 

entre oliveiras 

fermosa púrpura 

sedutora negra

-A nai onde gardar 

todos os segredos-

 

Sobre suculentas 

follas amarelas 

baten ás

que alumean 

sen un suspiro o leito

 

-A muller fica muda:

nada está escrito 

na bruma dos ollos-

 

Nesta altura 

ningún movemento 

ningunha palabra 

é quen de ocultar 

a teima

do xemido palpitante 

que garante 

a vida do poema