PILAR MASEDA 

          (Á memoria de Antoñita Mato. 1920 – 2020)

 

ANDAR MAINIÑO POLA PORTA DE CIMA

 

Porque a conciencia tamén ten nome propio

fálame de ti e da túa bondade

lévame sobre os teus pasos andados de pobo

sempre ao carón dos humildes, sen solemnidade.

Ti, que gardaches a memoria dun século!

Escoito ese teu andar mainiño

pola Porta De Cima das nosas vidas 

e laia o vento. 

 

Como laian os Xiríns a ausencia do lavadoiro 

do vello Rego

que fica baixo o duro asfalto coa memoria das mulleres 

que nel lavaron a roupa da tribo pousando os paxelos 

no Clareo.

Como orfas quedaron todas as batallas do Cotarón 

inermes no seu recreo.

Encóllense as bágoas e os puños na garganta coa mágoa!

 

Así o foron cantando os pardais polo vento

virando cara á Pena De Miguel pola Ribeira. 

E os estorniños en bandada sobrevoando a Cima 

nas ausencias

van pola Penauguiña a facer figuras nos ecos do silencio 

nos ecos do silencio devagar pola memoria

fan coreografía xogando a mariola no Vello Cantón 

as lavandeiras 

e deseguido van coa tribo ulindo a fornada e a pantrigo. 

 

Nese noso andar mainiño da memoria colectiva.

No camiño cara ao Campo da Estrela

pola Porta De Cima das nosas vidas.