PILAR ALONSO SUÁREZ

 

IN MEMORIAM

 

O fastío das horas

a súa escuridade cegando horizontes.

O verme segmentado dos días

o seu arrastrarse.

 

De súpeto

erguer a tapa da artesa pechada

e atoparte nun oco do tempo.

Raiola de luz

atrapada no lévedo da masa tépeda

adormecida.

 

Pouso as miñas mans nela

tentando dar forma a un futuro que non foi

mentres sorrindo comprendo

que non se pode ir cara atrás

pero que non hai nada que mate o vivido.

 

Véxonos naquel entón

deitados de lado na inocencia

enchendo canastros con augas de océanos

e estibados canda elas

tempos  fora de compás, camiños diverxentes

paxaros inesperados

e tamén encrucilladas que sen nós sabelo

irían tecendo o que nunca tería sido.

 

E dame por pensar que aínda así e a pesar diso

arderán tizóns no forno dos tempos mortos

e a vida, imparable

apreixará o seu destino nos brazos da vella árbore

preñada de carriza e lique

onde sempre aniñarán os ferreiriños.