MONCHO BOUZAS

 

Net@s e bisnet@s: Palabras, palabras e namáis que palabras¡¡ Penso en tres; o alecrín flor do toxo, a chorima flor da xesta. Elas soas na palma da man dun sopro esvaecen, mais todas xuntas forman o espectáculo máis fermoso dos  montes, amarelados e vivos. A terceira palabra é familia, que é poliédrica e admite diversas formas de achegarse e formar parte dela, abofé que si. Vós sodes a miña. Cóntovos un destes reveses que che da a vida e te poñen  no teu  sitio con contundencia. Asegúrovos a absoluta involuntariedade do acontecido: crise hipertensiva con afectación multiorgánica. Quedo cheo de patías nos órganos diana: encefalopatía, retinopatía, a afectación no corazón non lle chaman patía porque supoño que hai cousas que requiren un trato máis refinado. Menuda retahíla, mais  teño tanta sorte,  son tan aforturnado que o único realmente relevante é unha insuficiencia renal crónica, que cun tratamento, certamente esixente, me permitirá unha vida normal para min e os meus. Vai entrando auga por algunha caderna, rompe un pouco a velame, non dou cambiado o cabo vello de estribor. E que dorna como a dun non hai outra, e como vai navegando, imos indo así. A soberbia mariñeira impediume interpretar adecuadamente sinal algún, así un golpe de mar virou o barco e quedei a mercede do océano. Achegoume aos cons e as laxas da costa, que cando o mar está bravo non son asideiros para subir a terra firme, son coitelos e serras que destrúen ás persoas náufragas. A forza do mar levoume a unha gorota e aí no frío da auga e a insondábel profundidade da cova, fun consciente da verdadeira situación. Un remoíño levoume novamente á superficie. Non me salvou un heroico integrante dun corpo de salvamento con pautas de funcionamento militarizadas, propias do cinema. A min salvoume a sanidade pública universal e o coñecemento acumulado e experiencia no servizo de nefroloxía do Chuac. Concretamente a equipa médica, enfermería e personal sanitario da que coñezo a súa competencia e benfacer. Sinto, preciso para isto unha cuarta palabra: persoa, boas persoas. Seguro que os avós, Manuela e Paulino, teñen usado o refrán da nosa zona; “que rápido se enferma e que traballo dá sandar”. Pola miña parte, sigo na loita con optimismo e traballo, navegando en bolina, na empopada, a barlovento  e a sotavento. Sen limitación na vela nin no rumbo. P.D.: Descoñecía a hipertensión, que ten unha elevada compoñente hereditaria. Conque lle pase a un net@ ben chega. Esa é a nosa Forza, a beleza do noso alecrín e a fertilidade da nosa chorima ;-)) Quérovos¡¡