MIGUEL QUEIPO SALVANDE

                                         

A ESPERA

A luz que coarta as formas
Queima os camiños de regreso.
Os anacos de sombras nas tebras
Son feridas perpetuas que xuntan
O final da singradura co vórtice
Do noso maltreito universo.
Esperpentos sen morada foxen
Do arrepío que mexe o medo,
Non hai morte sen bágoas
Nin lembranzas sen loito.
Lóstregos de néboa asasina
Nas ubres dun porvir sen coroa
Sinalan as pegadas que amosan
Os contornos da espera...
Vaivén solapado de ondas
Pendurando nas cadeas líquidas
Co movemento inerte das lápidas
Dos homes e mulleres que cruzaron
e cruzarán os límites do máis alá...