MARÍA XOSÉ LAMAS

 

UN NOVO PREGO AO MAR

 

          Ó mar,

          leva tudo o que a vida me deu,

          tudo aquilo que o tempo esqueceu ...

          FAUSTO

 

... Leva, mar, os desvelos, os naufraxios,

as batallas contra o fado

e as galernas;

leva as illas e as cadeas

e deixa

o meu rumbo despexado de quimeras.

Limpa de sentires vagos

e de dúbidas doridas o meu ceo,

que os cúmulos e estratos

non anubren o lampexo dos desexos.

Brune as velas estendidas,

os amolecidos mastros

e as vellas táboas fendidas do navío

co lene verniz de bafo

do teu brillo.

 

Lévame a min sobre o ronsel da vida

e o aroma da marea

nas ás amigas da brisa

de fuxida cara a terra

e deixa presa

a miña áncora rexa na ribeira.

 

Lévame a min sobre a noite dos tempos

e o fragor da marusía

nas ás lixeiras do vento

de fuxida cara a terra

e deixa fita

a túa ollada vixiante na ribeira.

 

          Do libro “Con Fausto, por este rio acima”.