MARÍA PEREIRA

 

RIQUEZA

 

Virás onde vire o vento

remexida coa ilusión e a auga

na onda caribeña do teu baile

coa toga verde da forza natural

co xuízo perdido dos tolos do mal

coa sentencia gañada do xuzgado universal.

 

Estarás no café das mañás

coa bica con canela e mazás

inzada nos cantares das vellas

pasando o teu centeo polas peneiras

sementado no solar das experiencias.

 

Quedarás para sempre 

ficarás no brillo dos ollares

na pota que alumea os lares

tinguirás de grinaldas as mesas e os escanos

de saúde as arterias dos máis fortes lazos,

darás de alta na seguridade social a vocación

dos que amamos.

 

Chantarás a bandeira en cada urbe e cada aldea

serás realidade no sorriso de cada cara allea

a man unida no corro da ledicia

a provisión de toda materia e antimateria

a moza lésbica da verba VIVIR.