MARGA PAZOS

 

Respiras brétemas de sílice e hidrocarburos 

entre os vestixios da carraxe 

e as xanelas que enmarañan o teito abovedado desta cidade a escuras.

Cans mortos nas estradas e

detrás de cada porta un almanaque avezado á graxa visceral 

do teu índice impaciente.

 

Outro marzo na boca.

Alfinetes, zume de laranxas amargas

pingan da túa comisura.

 

Que sabemos nós da valentía

se cubrimos o corpo da cor das árbores? 

 

O tempo i eu, ningún dos dous soubo de gañar contendas

Viñeron polo camiño do asfalto e venceron!

 

de que serve velo amencer se o resío que nos baña é infecto?