LUZ CAMPELLO GARCÍA

Patria obsidiana

 

A pel é o territorio da estrofa e do poema

a consigna de seda na apócema

 

a pel é nudez e vestimenta

é queimadura do espazo violentado

 

a pel é a voz que ferve a grafía do silencio

 

a pel é fronteira e salvoconduto

límite que precipita

o estremecemento.

 

A pel é o verbo masivo dos sentidos

tensión e estrañeza

 

a pel é a afirmación da densidade da rocha

a patria obsidiana

 

a pel é o código indescifrable do tegumento

o legado máis sensíbel que clama resistencia

ao esporón da morte.

 

A pel é o tento obsceno que determina

a construción e a medida do xemido

 

a pel é a pegada do péndulo tónico do desexo

o centro exacto da incisión e do fogo

 

a pel é peixe teleósteo que nada sin saber da auga

a certeza e o soño de existir

 

a pel é músculo e destino da carne

cerimonia conxuntiva e rumor

 

a pel é a patria obsidiana

nebulosa de Orion.