LUZ AIRADO

 

Son andoriña das cortes,

lavandeira branca,

papuxa das amoras,

son pega rabilonga

e pega rebordá,

merla, 

pardal das silveiras,

son curuxa das noites

e bubela das mañás.

 

Ando na procura do carabullo da curvatura perfecta,

na procura do barral máis nutrido,

da herba la,

da póla enxertada que medra en equilibrio,

do curruncho en ángulo recto,

do tronco no que fender o oco

do diámetro exacto

e no que instalarche o berce dos sonos,

o cambiador de cueiros

e os axóuxeres todos.