JOSÉ VÁZQUEZ LISTE

 

3.000 °



Eles sabían das carencias da combinación detrás da que se agochaba

o segredo do título,
sabían da errática complicidade dos versos e dos tsunamis

asexando entre as puntadas dos silencios do poema,
incluso sabían da fenda na incondicionalidade da poesía,
mais elixiron deixarse ir,
como o sino das palabras que xorden da nada
para seren lume, tatuaxe indeleble ou cinsa.
Eles tiñan o momento, a fraxilidade do instante
a consciencia da invernía e tódolos síntomas da condición de vítimas

da irrefreable vontade da forza gravitacional das mareas;
E crearon un ecosistema de unicidade intemporal,

un sagrario de memoria selectiva levitando a inercia

do eixe dun vórtice simbiótico ancorado á negación da fin;
Ergueron unha porta de dirección única, feita de táboas de liberdade,

engonzada nos piares dun documento en branco

asinado coas sobras do tempo, desperdiciado en non bicarse.
Conformaron un chan flotante, un teito devecendo ser río,

e a loucura dunhas paredes imaxinarias pintadas cos efluvios

derretidos do envés das xemas da redención.
Espiron a pel sobre dun lar enteado coa cerna das apertas,

un leito de calafríos, un candil alimentado polo rubor da lúa e un cano

bebendo da fusión das súas gorxas.
E abriron unha fiestra na cúpula cenital

da utopía do vencemento da carnalidade,

un lucernario ornado con cortinas feitas de tule de bafo

e cando se puña a luz,

aqueles adobíos tecidos coa fusión dos seus ADN's,

esvaraban pola inexistencia do ar que os separaba,

como réplicas de paixón licuada,

espertando, como se do mesmo ciclo da vida se tratara,

o amencer do resón do choque dos alentos...
Eles sabían da dor da laceración,

máis da temperatura que alcanza o aceiro

cando a súa cor fai palidecer á do sangue novo

e avogaron pola implantación da entropía, como única posibilidade,

para emprazar o seu novo e derradeiro reino.