JOSÉ ESTÉVEZ LÓPEZ

 

Non hai potaxes,

nin medicamentos,

nin beberaxes

no mundo

para capear o temporal

do maltrato no carrusel da lúa

que lle chaman de mel (andar para ver).

 

Non hai escudo, 

nada cauteriza 

a densidade que habita 

nas agresións dos captores.

 

E si hai moito de primitivo, 

de tazas sen café e de falso ceo, 

de falso selo de calidade,

no querer vernizar a intensidade

da maldade e do desamparo

a golpes de resignación.

 

Non te asustes do futuro, 

non teñas medo a todo 

o que paga a pena, a ser ti mesma, 

a descolgar da túa casa 

dunha vez por todas o coitelo 

que cortou aquela tarta nupcial.

 

Fai o que sexa para deixar coa boca aberta

a realidade psicópata, a máquina da maldade,

esa que nunca se compadece das vítimas.

 

Pon en práctica o mellor que nos pode quedar:

destreza no caer pero moita máis para erguerse.