EMILIA MARTÍNEZ

 

COMEZO E FIN

Nacín unha mañanciña solleira,
abalada polos xílgaros,
co arume do loureiro
que medraba nos outeiros
e as amoras que moureaban nas silveiras.
Viñen ao mundo sen chamar á porta,
mollada polas bágoas da vida que
me era agasallada.
Son froito dun desexo, 

dun intre entre dous seres que se amaron.
Viñen envolta nun lenzo de ledicia que eu tinguín de pranto.
A vida comezou cando abrín os ollos e vín o sol, 

cando o sol estaba preso nos teus ollos... na túa ollada de nai.
Medrei ao abalo do teu sorriso
coa morna calorciña da túa aperta...
Hoxe polos vieiros da túa memoria, eu non estou...
Alguén roubou a miña sombra e xa non existo.
Segue o loureiro espallando arumes e nas silveiras cantan os xílgaros,

mentras comen as amoras.
Eu, mírote e choro...
O baleiro, cheo de silencio... escribe a miña historia...