CONCHA RODRÍGUEZ 

 

PASAXE CARA A LUZ

 

Fría noite, folerpaba,

mes marzal estreando a primavera;

ventoada petando na xanela.

 

Salaio, alento compasado…

Forzas sen límite

achéganse ao meu ser,

á miña mente

que non pensa. Sente?

 

Escuridade total,

negra, negra coma

noite sen lúa aló no monte. Ou onde?

 

Unha aperta sobrehumana

que me apreixa

desesperadamente. Non sei de onde ven.

Berro rachado, punxente,

de dor? De amor,

de pracer inmensurabel.

 

E volta a comezar.

Oínte chorar.

Tomei conciencia

do que esta a acontecer;

un ser do meu ser

acababa de chegar.

 

O escuro túnel

non era máis

que a pasaxe cara a luz,

potente e incandescente da vida.

 

Lóstregos de ensoño,

meu pequeno amor,

eterna melodía;

milagre vital inigualabel.