CARLOS NEIRA SUÁREZ

 

BORRACHERÍAS

 

Cuncas en Santiago na espera cordial

volver aos dezasete ou algo máis.

Acho  en pedras milenarias e bocois escuros

gaivotiñas en branco e amarelo

que agardan caladas

Estou a surpar vida e tempo, ese pleonasmo,

en ribeiro  barato e poemas necesariamente curtos

 

0 46 do Franco, o Orella ou o Pataca

escuma fuxidía de viño turbo

o Orense no recanto da praza

falar con Manuela sen castelo e sen merlos

cobrar a noite e novelala

en voltas longas nas panetas da nostalxia

mentres pairan aboiadas as viaxeiras

nas cartas dos mesóns

e nas tendas de lembranzas

 

Entre as tazas convexas e as curtas saias

hai como sempre ligazóns estrañas

hai como sempre neste Santiago

o usufruto doado da vella herdanza

vellos sons coñecidos

idioma e sentido  de andar por casa

Non hai tempo perdido nen falsa añoranza

hai o que somos, o que fomos

berros en murmurios e algarabía calma

esas voces de saudade

que nos fai xa ninguéns

cando a memoria supera ao instinto

e trocamos en cumpridos camiñantes da eternidade

pequenos furadores asombrados

 

Hai que volver sempre a Compostela

a parar o mundo, trIncalo

sorber  o viño da súa historia

e ollar atónitos o bulir quedo da cidade