AMALIA DÍAZ RODRIGUEZ

 

CRISÁLIDAS DE INVERNO

 

No limiar do esquecemento…
Río arriba, mar adentro,
vai mudando o sentimento
polos carreiros ancestros.

Ninguén sabe onde foron
as parolas doutros tempos,
nas facianas os acenos,
dos que vivindo morreron.

Hai un eco que envolve
a estancia do momento,
onde a soidade mora e reiña
nos eidos insondables do tempo.

Durmen bolboretas douradas
en crisálidas de inverno perpetuo,
no desleixo anodino do silencio…
nin se escoita o eco dun latexo.

O vento zoa arrítmico, a destempo,
polos vieiros semiados de medo;
onde os mares deixan de selo
para fenecer nas fauces do misterio.

Agardo, deses pasos o regreso,
polos meus cómaros ermos,
murchos, enterrados os recelos
entre as roseiras nácar de abril.