AINHOA CONDE

 

Canle angosta a navegar

 

Coma náufrago no ceo,

buscando unha mensaxe no mar,

que o oriente proa ao alento

bosquexando que alí está,

súa alma paralela agardando tralo cristal

dos seus ollos adormecidos

coa esperanza de volver amar.

 

E o balance de ondas leves

contribúe a alimenta-la

súa sede de fel no fastío,

en derrota circular.

 

Así sentía un "el" na pel de moitos;

andoriña de ás feridas

non foi quen do azul cruzar;

tantas voces afogadas no laio dun océano

que, resignado, agarda

o reflexo de Lúa na Pleamar.

 

Chamábanlle Nostalxia;

supoño ela será,

como a ausencia do teu tempo

no meu propio latexar.