Xesús Trashorras

Hai poetas que teñen por corazón unha gaita e un tambor

 

Hai poetas que teñen por corazón unha gaita e un tambor
e nunca escribiron un poema, mais soñaron miles.
Hai poetas que teñen por corazón unha máquina rexistradora
e escribiron miles de poemas pero non soñaron un.
Hai poetas que non cren en Deus e axudan ao cura a dicir misa
e escriben poemas relixiosos.
Hai poetas crentes que escriben e recitan poemas blasfemos
e non entran nunca nunha igrexa.
Hai poetas que se fan ricos gañando concursos literarios
e viven en grandes mansións con Audis ás portas.
Hai poetas que non gañan concursos literarios e son ricas
e viven en apartamentos e sen Audis.
Hai poetas que son lesbianas que nunca editaron un libro
e os seus poemas son extraordinarios.
Hai poetas feministas que escriben poemas machistas
e saen todos os días en programas televisivos.
Hai poetas machistas que non escriben poemas
e gáñanse a vida plaxiando poemas de Neruda.
Hai poetas guapos que escriben poemas de amor
e nunca saíron nun programa de televisión.
Hai poetas feas que escriben fermosos sonetos
e son as raíñas de todos os recitais.
Hai poetas altas, baixos, loiros, morenas, fascistas, roxas,
con pecas, coxos, cegas, homosexuais, negras, viúvos...
e de cando en cando escriben un poema.
Hai poetas que viven na indixencia, durmindo en parques e caixeiros
e venden os seus poemas a cincuenta céntimos cada un.
Hai poetas que se suicidan colgándose ou tomando unha caixa de barbitúricos
e o único poema que escribiron foi o seu epitafio pouco antes do acto.
Hai poetas que deciden vivir ata que os mate un coche, un cancro ou un ictus
e non paran de escribir poemas que ninguén le.

 

Páxina 8