Miro Villar

Miro_Villar_Pontraga.jpg

A Pontragha

  

Con case noventa anos, de engurras rostro e mans

miúdas que arrecenden a pan de broa, fincas

no teu caxato a carga do tempo inexorable,

ergues a ollada cansa, noutrora pillabana,

que esculca interrogando nas pedras da estación.

 

Só se escoita a cadencia do Lengüelle, monótona

e fermosa salmodia das augas que se van,

como a vida da xente, como o bulicio ledo

da cantina da infancia, das olladas a furto

e os tímidos desexos da vosa puberdade.

Nas paredes de branco ferido de humedén,

nas xanelas, nas portas, pechadas e doentes,

bate a túa saudade como bátegas, mancan

as lembranzas choídas con aqueles sorrisos,

rostros que levan nomes ou que desacordaches.

Remiras a cantina da estación e recordas,

coma se fose agora, que na súa algueirada

medraron os afectos, as horas máis alegres,

unha felicidade que se constrúe cauta

nos ollos e as mans dadas con e contra o futuro.

 

Nas travesas da vía sangra o ferro e desangras

a memoria das horas.

                                   A moza foi muller

e as mans encaleceron con traballos humildes,

a desfacer o lombo con cargas e descargas,

mentres moitos dos soños marchaban nalgún tren.

 

Páxina 6

Miro Villar foi fundador, dinamizador e primeiro presidente do Batallón Literario da Costa da Morte (BLCM)