Eugenia Sanmartin

EugeniaSanmartinIlustracion.jpeg

LUMINARIA

 

Déixame que te limpe cuns versos de fogo

que se queimen no lume que prendo no teu peito eses restos do pasado

deixa que ardan as vellas dores e os vellos medos

hai cousas que non arranxa o pegamento

e nen sequera a vontade.

Hai cousas que son para queimar.

Hai cousas que son felices cando arden.

 

Déixame que te limpe cuns versos de fogo

cando a noite caia sobre nós dous xuntarei un pouco de herba seca,

uns poucos deses paus que as árbores tiran

e co meu máis quente bafo prenderei lume e no teu peito

e o peso extra voará en faíscas cara as estrelas.

Hai cousas que son para queimar.

Hai cousas que son felices cando arden.

 

E acabouse o frío meu amor

dásme ti o calor do teu abrazo

dásme nova vida co teu alento ardente

música nas miñas orellas

E acabouse o frío meu amor

e coa nosa luminaria

encheremos os ceos de novas e pequenas luces.

 

Hai cousas que son para queimar.

Hai cousas que son felices cando arden.

 

Páxina 72