Manuel López Rodríguez
Deus non queira
ser o xuíz das noites de primavera
nin o varredor que percorre
a rúa cando pasamos
coas mans
nos petos, metidas
somnolentamente e en homenaxe.
Deus non queira botar abaixo as galerías dun
fogar que nunca foi noso
mais que ollabamos desde
o lugar que anos
despois
esquecemos
recoñecer.
Deus
non queira a imaxe para o funeral:
a foto enriba
do cadaleito onde, se cadra,
alguén escribirá a historia
ao xeito
no que cadre
e será marabilloso escoitalos rir a medianoite.
Deus
non queira
o lume e o silencio, os dedos
dela
pousados no meu brazo, a
ollada nos pés, a chuvia
batendo nos cristais primeiro e
deseguido
mollando o soportal.
Deus non queira a rabia contida,
a razón perseguida
a eterna deriva.
Integrante do Colectivo Literario Sacou (Noia)
Páxina 66