Antonio Lois Pérez
"Meu lugar non o sabía"
Hai unha artesa esquecida
nun recanto da cociña,
porque faltaron as mans
que amasaban a fariña.
Meu lugar non o sabía!
No curral está un forno
que xa non fai pan cocido.
Ó seu carón queda o carro,
que lle faltan as ladrañas
e ten o baldón partido.
Meu lugar non o sabía!
No paso da escaleira
non se senta nosa nai
cando chega da ribeira
como antes o facía,
cando chegaba cansada,
cando chegaba desfeita.
Meu lugar non o sabía!
Volvín subir ó penedo,
volvín ó meu pai chamar.
Só me respondeu o eco
da soidade do lugar.
Meu lugar non o sabía!
Hoxe as mozas da parroquia
non levan ganado ó prado,
facendo que sexa monte
o que antes era prado.
Meu lugar non o sabía!
Nas adegas non hai cubas
porque non se fai vendima.
Secaron aquelas cepas
da variedade mencia.
Meu lugar non o sabía!
En adegas da ribeira
o bullo non se destila.
Xa non se fai augardente
como antes se facía.
Meu lugar non o sabía!
Chegou outra primavera,
a roseira está florida,
e as novas bolboretas
van de rosiña en rosiña.
Meu lugar non o sabía!
Volvín falar coas lembranzas,
fantasmas do meu lugar,
empregando a linguaxe
que se entende sen falar.
Meu lugar non o sabía!
Non hai lume na lareira,
non hai sartén no trespés,
nin pote na gramalleira.
Meu lugar non o sabía!
Non hai banco na cociña
onde sentarse os avós
pra contar contos ós netos
e ós fillos dos vecinos.
Meu lugar non o sabía!
Meu lugar levaba morto
moitos anos, máis que días!
Meu lugar non o sabía!
Páxina 64