Macamen Alonso
Trala porta de chave esquecida
Queda a esperanza. E o desacougo.
A incerteza rabuña as cinzas
Das lembranzas de escuma.
Esperanza na vida
Cando a morte baila ingrávida.
Trala porta de chave esquecida
Hai fiestras que son trampas:
Instantes de xuntanzas ás oito en punto.
Batendo as mans na procura do eco.
Regreso á soidade.
Trala porta de chave esquecida
Hai moito medo,
Inquedanza e sorrisos agachados.
(Para sempre perdemos os beizos libres
E as armas contra a invisibilidade).
Trala porta de chave esquecida
A loucura escrebe
en negro
sobre fondo negro.
Páxina 57