Xurxo Gago
SALUBRE MENÚ
Mastigar ben o presente
e todas as súas posibilidades,
esmagando a cada instante,
triturando a cada rato,
saboreando cada feito,
esmiuzando os agora
para evitar a indixestión,
dixerir cada suceso
coas encimas da lóxica,
da cautela e do bo senso
para non sufrir a ardentía
pola acidez da desesperanza.
Transformar en nutrientes
as vivencias miudiñas,
esas boas vitaminas
que achega o benestar,
gran pedra filosofal
da inmunodeficiencia,
absorber as calidades
de cada un dos momentos,
vívidas proteínas saudábeis
que enchen de boa enerxía
cada célula corporal.
Evitar a prexudicial graxa
do daniño desacougo
e o exceso de azucre
da nociva incomodidade,
evitar a inxestión
do malsán abatemento,
da lesiva melancolía,
da preguiza, da apatía,
do pensamento desalentador,
deglutir sen gula
os ricos folgos animosos,
a sabedeira coraxe,
a rica animosidade,
a apetitosa ousadía,
vigorosa carta do día
fornecedora axeitada,
enerxía tonificante
para a boa saúde do tino
e do latexar do corazón.
Páxina 56