Luz Campello

Narrativa do verso

A Siri Hustvedt

Quixera o corazón non permanecer na penumbra

coma música que se oculta
sen poder saír á luz,
quixera ter voz propia para acompasar o silencio
na persistencia do ritmo
e no latexo
fundírense ambos no pulso da toada.
Mais do corazón é destino coñecido
o traballo incesante de dar vida as entrañas
quedando fóra do alcance das palabras
a pesar de ser substancia
e manancial da vida,
pois vida é a súa ligazón cos órganos
sen posibilidade de liberarse
até que devén a morte.
Enriba,
a supremacía do pensamento na cripta
outea o horizonte
enfiando o corpo da metáfora
nas ringleiras do papel
remarcando entre aspas a migración do nervio
a territorios que parecen ser, e son o seu contrario
coma quen se adentra nun espazo despoboado
de paixóns
onde o cerebro permanece ceibe
sen arriscar
porque ao librarse da vida
nada ten que temer a perdela.
Entón, como se estivesen esperando un destino superior
os dous, cerebro e corazón
fanse constelación,
os dous, convértense en fonte burbullante e sede íntima
en materia e verbo do verso
traballando coas mans a semántica da terra
no corpo enmudecido da poeta,
para finalmente dar vida a outras vidas
na lingua do poema.

 

Páxina 47