José Vázquez Liste

Ningures xa está preto

 

Cando os ollos se cravan en ningures,

milleiros de liñas, converxen no vórtice do pensamento,

no intre xusto, en que un vagallón de nebulosas formas,

chocan no centro neurálxico da impotencia somnolenta, da razón perdida,

converténdonos en exércitos de pantasmas

que vagan sen rumbo, pola deserta estrada de obrigada peaxe,

sen billete de volta.

 

Cando os ollos se cravan en ningures,

a inquietude do ser, roe desgana a feixes,

diluída en centos de toneladas de falsa obriga,

amasada con ríos de culpabilidade allea,

provocando o vómito, de moreas de soños que xa non son tal,

perdidos nas vaguidades das almas esmagadas,

pola etérea presión da esperanza ausente.

 

Cando os ollos se cravan en ningures,

a chave da vida, vira outro fío na interminable rosca do sufrimento,

namentres os mestres de cerimonia, tensan os cordeis

o xusto para que os monicreques toquen o chan,

coas desgastadas puntas das peripecias logarítmicas, dos fins de mes

de comidas de parvos, e sopas de letras rexeitadas,

baixo o teito ameazado, pola implacable cizalla do desafiuzamento asasino.

 

Cando os ollos se cravan en ningures,

as bágoas, escorren alleas á vontade ferida de morte xa desexada,

logo da morea de inxustizas encaixadas, co sorriso medorento por bandeira

e o odio esquecido na ringleira do abatemento xeneralizado,

nas crebas espalladas ao longo dunha singradura,

sementada de carraxes contidas, no politicamente correcto.

 

Cando os ollos se cravan en ningures,

a luz do faro pérdese entre a densa néboa que o cobre todo,

relegándonos á escuridade sen fin,

dun remuíño toleado pola cobiza daqueles que carecen

da máis mínima mostra de compaixón,

nas súas baleiradas almas.

 

Cando os ollos se cravan en ningures,

a vida convertese, nun anaco de mágoa,

un anaco de mágoa

que no é quen de ollar mais aló,

de onde remata a fronteira,

do afundimento.

 

Páxina 42