Ramón Rodríguez Porto

A PRAGA DO VIRUS

 

Espertou o virus,

maldita moeda de medo fundida,

que merca a morte e seca a vida,

oxalá te quedes na eterna durmida!

 

 

Aquel tempo cravou anguria nas gorxas,

de miseria e fame ateigou as alforxas

e a xente emigrou.

 

 

Esmoreceu a chorima,

quedouse orfo o canoto,

orfo de espigas

e a nosa eira cubriuse de ortigas.

 

 

Tamén o meu fillo

viuse na obriga,

de botarse ao mundo

coa alma ferida,

deixando o seu vellos

coas lastras erguidas.

 

 

Xamais puido sorrir en terras estrañas,

xamais puido esquecer as súas últimas bágoas,

saíndo da porta, pechando o postigo,

ceibando con saloucos que arrancan en vivo,

as veas do peito e os cinco sentidos.

 

 

Regou co Miño a súa memoria,

pechouna en socalcas da ribeira amada,

para logo contarlle aos seus fillos

a praga do virus

e a túa honrosa historia, Chantada.

 

Páxina 41