José Estévez

Que difícil

é fuxir do relato fácil

e cantar as corenta

aos que de entrada

se venden como inocentes

e santificar aos que de entrada

aparecen como culpables!

 

Cal é a medida perfecta

para pesar o ben e o mal?

 

A descomposición

letal na elasticidade

desa división fatal.

 

Veñan portas sen chave,

ir e vir polos enigmas

prendendo fósforos,

comparezan catro ou

cinco quilos de conciencia

con vistas ao ring interior

dos matices, o xirar sen pausa

con detectores nas cadeas

e antes do medo rompelas,

esas cadeas de formigón

que esfolan as liberdades

e descansan no regazo

da asmática paz eterna

das camisas de forza.

 

Mais, que difícil é fuxir da paz

das lousas sen gastar polo tempo,

dos libros abertos sen lectores,

das palabras asmáticas dos impostores

que con publicidade asfixian, esfolan

e despezan as nosas liberdades!

 

Páxina 32