Luz Airado
ESPIRSE EN TEMPOS DE PANDEMIA,
liberarse dos envoltorios plastificados ao corpo,
xa case fósiles,
deixar que se desprendan,
pelexo a pelexo,
nunha precipitada caída ao baleiro.
Lavarse as mans con xabóns incandescentes,
resinas sintéticas
aromatizadas na alquimia dos laboratorios.
Lavarse as mans de novo.
Lavarse a cara das tinguiduras da maquillaxe
imposta,
deixar que escorregue oleosa
sucando carreiros tóxicos,
sumidoiro abaixo.
Deixar que se dilúa o rímmel
perante o espello máxico da maléfica madrasta,
que esvaren os ocres e os nacarados,
o chumbo, os parabenos,
o lixo graxo que me recobre toda
e que no seu descenso
se me vai enredando ao pelo da pube
do que pretenden tamén despoxarme.
Espirse en tempos de pandemia,
coas canas núas de tinturas metalizadas,
sen aderezos nin modas.
Só a esencia.
Só unha mesma
confinada.
Páxina 31