Miguel Barrera
QUE NON SE VAIA A TENRURA
(A miña nai, na angustia do andazo)
Esta sede de lus, méntrelo vento
da morte zúa darredor das cousas...
Nimbos
Xosé Mª Díaz Castro
Que non se vaia a tenrura,
que non se afaste das miñas apertas,
que remexa entre a sarta de recordos
a cálida silueta do meu sorriso,
o espertar do bico
trotando na xema dos dedos,
ata a pel do aire
e seus charcos.
Chámaa tenrura, chámaa como a chuvia
polo seu nome,
amigo chámaa, reclama
súa voz
entre o consolo das cancións,
entre o blues das palmas ao vento.
Chámaa. Chámaa si!
para que sexan teus aloumiños
e as apertas valeiras de hoxe nos balcóns,
o espertar vivo dos latexos,
o suspiro
entre as bágoas secuestradas.
Chámaa, amigo.
Chámaa tenrura amiga, chámaa si!
nai.
Recórdalle que non estou só
Recórdalle que non estarei só!
Recórdame que non estou só.
Que, ao alborecer,
como un bosque na espera(nza),
habita cada mañá
no trilo do merlo,
anunciando a primavera.
Páxina 27