Pilar Maseda

HABITO NA SILVA DO VERSO

 

Habito na silva do verso

No libre pensar.

No amor conxugado

en todos os tempos.

 

Habito na silva do verso

rabuñada de espiñas

de cicatrices marcada

nacida nos vieiros.

 

Habito na silveira ceibe

da matria proclamada.

Habito no mirar de fronte

irreverente e ousada.

 

Ollade,

son unha amora madura

son celme de amora.

 

Ollade,

son muller, puño ergueito

verso libre pensador :

 

Unha fiestra aberta

Unha aperta sororal

Un latexo resiliente                                             

Un pulso no corazón.

 

Habito na silva do verso

porque insisto, resisto !

E tanto me ten

ser poeta ou semente

ser semente ou poeta.

 

Vivir no verso

versar na vida.

 

Habito na silva prendida

na tribo que me agarda.

No meu lugar da retagarda.

Na vida que suspira

no suspiro da vida.

 

Habito na silva do verso

conxugando amor.

 

Páxina 22