Marga Pazos
RÉMORAS
1.
Baixo a terra, o imperceptible da vida deixa emocións de loita e mamuts
ósos que espertan para brincar entre o lique e as papoulas
Cunetas que arroupan chíos de xente
Hai ás abrigando o candor de bocas en fume despois dunha queima nocturna
Hai verde nun horizonte que amencerá co fresquío ignoto
de corpos en descomposición
Inhala
O monte pestanexa e tódolos corvos erguen o voo
O alarido dun lobo chama por eles
A noite é un proverbio que se anuncia amodo
acubilla voces que laceran o ventre enramando hedras entre as gretas da pel
A noite, coñece os segredos que enturban a derradeira hora de tódolos tactos
No foco das luces
a carreteira acolle o cadáver de xinetas que fuxían da voraz fame de crías que non pariron
Baixo esta choiva,
o porvir e a memoria agardan por nós
2.
Na fronte, o sinal do sangue ten forma de pai
Un luar que perece coa tintura do cabelo
Páxina 16