Teresa Ríos
NO BAMBÁN
Ollei a primeira luz
na aldea máis fermosa
e esquecida do mundo
Na terra
de longos invernos
onde a chuvia
sentaba dacotío
con nós á mesa
Ulía a ausencias
a pequenos soños mancados
a resignación
Con duas cordas equidistantes
penduradas
da galla máis alta da maceira
e un fumeiro de asento
bambeaba eu
anceios de anduriña
Mírabame
reflectida nos ollos de vidro
sosegados das vacas
que alentaban
rumiando paciencia
Mais de cando en vez
saía da apatía
andando coma elas
os candieiros
e corría polo monte arriba
bruando
Gozando da sorte
de poder rubir
o curuto do mundo
para dende alí pasear
a mirada pola contorna
e relamber a Costa da Morte
Berros de impotencia
ecoaban
alén da fronteira do destino
mollando de tenrura necesaria
a pel tantas veces arelada
Sentía o arrecendo do mar
tan preto de min
que mesmo podía
mollar as dedas nel
Ouvía o bater das ondas
bicando con furia as rochas
para escribir nelas
os segredos dos naufraxios
Son neta, filla, irmá
e nai da diáspora
porén, as despedidas
son unha constante adherida
as costuras do meu eu
O mesmo cos reencontros
representan
ese intre sublime
nos que só unha aperta
o sanda todo
Teño no faiado
principios filosóficos
nunha maleta sempre lista
coma un kit de emerxencia
por si algún día preciso
saír a fume de carozo
Nela arquivo palabras
que vou apañando
nas lembranzas
Esas que enchían
de cativa a miña boca
e que tamén
colleron outros vieiros
Foron morrendo
coa alma dos que levan
a enciclopedia viva
da nosa lingua
canda eles na mortalla
E atesouro
as verbas que volven a mín
coma flashbacks
dándome solaz para seguir
Apaño entre o pilro
a esencia do meu pobo
mentres debullo
o millo das nostalxias
Gardo os cañotos
para ter acesa sempre
a lareira dos soños
da xente que quero
E deixo a porta do eído aberta
para que dende lonxe
poidan sentir a súa calor
e ver a claridade
as persoas doentes.
Páxina 14