Conversa Antón de Guizán e Marisol Morandeira

Seguimos coa sección CONVERSAS da nosa revista dixital www.npggazeta.gal e desta volta temos un breve encontro de Antón de Guizán (Antón Tenreiro) coa nova alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira que saíu elexida nas pasadas municipais de 2019. A súa chegada ao concello xa se ten notado en numerosas propostas novidosas e na relación coas diferentes entidades de ámbito social e cultural do concello de Guitiriz. A nós tócanos hoxe falar de poesía, un xénero literario de moita importancia nestas terras fundamentalmente pola relevancia dun dos seus fillos máis ilustres, Xosé María Díaz Castro...

 

Vilariño.jpg

Integrantes da NPG na casa de Xosé Mª Díaz Castro (Xosé do Vilariño)

 

MARISOL MORANDEIRA: Efectivamente, Díaz Castro é a figura máis relevante do noso concello, o cal me enche particularmente de honra, ademáis é unha figura da cultura, un dos poetas máis importantes do país e que no 2014, pola dedicatória das Letras Galegas fixo de Guitiriz o centro da nosa literatura, motivou que a sociedade de Guitiriz se volcase coa celebración e que tiveramos creado o certame de Poesía Díaz Castro que vai pola 5ª edición. É de xustiza recoñecer o traballo de Alfonso Blanco e Xermolos nese recoñecemento do noso poeta e que agrupacións como a NPG Nova Poesía Guitirica manteña a numerosa actividade poética que desenvolve arredor da súa figura.

ANTÓN DE GUIZÁN: A NPG naceu no acto onde a túa predecesora anunciou a creación do premio Díaz Castro naquel 25 cabodano do pasamento do poeta, e o que ía ser un acto puntual para homenaxear ao Pepe do Vilariño, acabou por convertirse nun grupo estábel que foi medrando e que o 3 de outubro cumprirá 5 anos. O que nos ten motivado, ademáis do amor pola poesía é que pasado o 2014, Díaz Castro non caera, como tantos outros no esquecemento, e así, creamos o Certame Vilariñas de micro-poesía na súa honra e aló por onde imos e en todo canto facemos sempre está Díaz Castro presente. Cecais, ao premio de poesía Díaz Castro tamén lle faga falta unha reactivación que o leve a unha maior identificación da sociedade de Guitiriz co certame, que opinas?

MARISOL MORANDEIRA: Penso que si, que é necesario activar accións que busquen sinerxias e identificación da sociedade de Guitiriz non só co premio, senón coa poesía como un valor cultural importante. Conseguíuse co Festival de Pardiñas, que é unha seña identitaria fantástica, viva, e con outros eventos  cada  día máis consolidados como a festa dos callos e da cantería ou a da torta de millo, outras actividades que tamén nos identifican e falta ese paso para que cada ano Guitiriz sexa o centro da poesía. Temos falado da idea de crear un festival de poesía que sería o primeiro en toda a provincia de Lugo e un dos poucos que hai en Galicia, e nel poderían confluir a maior parte das actividades relacionadas coa poesía existentes en Guitiriz, entregas de premios dos certames incluídas, roteiro de Díaz Castro, visitas á súa casa, recitais, concertos...e implicar ás entidades máis dinámicas do concello, Xermolos, Asociación de Hosteleiros, o Instituto, vós e por suposto tamén ao concello para garantir esa vinculación social e que a poesía se convirta na outra seña identitária de Guitiriz e da Terra Chá.

ANTÓN DE GUIZÁN: Xa que nomeache a súa casa (de Díaz Castro), como ves que pode repercutir a súa futura restauración na vida do concello de Guitiriz? Pensas que a veremos restaurada e funcionando ou irá caendo pouco a pouco?

MARISOL MORANDEIRA: A casa de Díaz Castro pode supoñer non só un activo cultural moi importante, senón un activo económico, pensa que ademáis das actividades que nela se programen será un centro de chamada para futuros visitantes e que levaríaa a esa identidade poética definitiva da que falamos. Mira para outras casas como a de Manuel María en Outeiro ou a de Cunqueiro en Mondoñedo por poñer dous exemplos próximos, que están a servir de referencia cultural e literária de grande importancia en Galicia en concellos da periferia cultural. O camiño é dificil pois o legado deixado a Xermolos é moi complicado de sacar adiante para unha asociación sin a implicación institucional, pero agardo que se poida levar a cabo polo ben da cultura e do propio concello.

ANTÓN DE GUIZÁN: Na NPG temos acadado estes anos unha boa acollida e recoñecemento en moitos lugares do país a través da actividade que promovemos ou nas que participamos, mantemos relacións con outras agrupacións poéticas de base da nosa xeografía e tamén de fóra, temos colaborado con concellos como Betanzos ou San Sadurniño na organización de eventos relacionados coa poesía e participado en recitais en numerosas localidades, pero viñamos botando en falta unha maior presenza e colaboración co noso concello, polo que nos alegra moito saber das túas opinións, que compartimos e nos fai especial ilusión axudar a promover estes novos proxectos.

MARISOL MORANDEIRA: Hai que ter en conta que a vinculación de Guitiriz á poesía non só é a través de Díaz Castro, sendo este dende logo o máis importante, pero Pardiñas leva anos convocando o seu certame literario de grande éxito, temos poetas con obra publicada como Jaki Quintela, Luz Campello, Xosé antón Cascudo ou André da Ponte e agora, aínda que non sexa unha obra estrictamente poética, a vosa compañeira Pas Veres vai a publicar un fantástico libro co noso apoio. Si a esto sumamos a cantidade de poetas novos que xa teñen publicacións dixitais e colaboracións en publicacións colectivas e revistas, Guitiriz ten o necesario para ser unha referencia nese mundo.

ANTÓN DE GUIZÁN: e non hai que esquecer ao Instituto, que fai honra ao nome (IES Díaz Castro) e que ten gañado numerosos certames musicais e audiovisuais arredor da figura e a poesía do poeta dende o 2014 e que cada ano fan de guías para outros centros educativos co alumnado no lugar de nacemento de Pepe do Vilariño...

MARISOL MORANDEIRA: Claro que si, teño a sorte de ser alcaldesa dun concello con un grande dinamismo social e cultural, o que ven sendo unha riqueza a valorar, as equipas directivas do centro e particularmente Sandra Tenreiro, a profesora de música son pezas fundamentais nesa vinculación da xente máis nova á poesía, á música e á cultura no noso concello, son das que pensa que o traballo colectivo e as sinerxias constitúen a principal ferramenta da sociedade e en Guitiriz contamos co fundamental, comenzando por esa parte primordial que é a educativa. Si somos quen de conxugar todo ese dinamismo nun proxecto, o éxito está garantido, non o dubides.

ANTÓN DE GUIZÁN: Ti e máis eu procedemos de outros concellos, eu de Vilalba e ti de Friol, polo que a min me toca, síntome honrado de ter sido acollido tan amablemente en Guitiriz, onde ademáis se me tenintegrado como a un máis e onde fixen cantidade de amizades, e mesmo no noso grupo hai poetas de fóra, como Moncho Bouzas, de Esteiro, que acostuma a decir que é un “vilarego” de Esteiro. No teu caso é evidente, até o punto de terte escollido como alcaldesa...

MARISOL MORANDEIRA: Que vou decir eu... chegar a ser alcaldesa co apoio maioritario do pobo, é ver colmadas as maiores aspiracións e mostras de cariño. Obvio decir que Guitiriz é un lugar de acollida, xa o foi na época de gloria dos balnearios, que agardamos volver e recuperar, e como lugar de parada necesaria para mercar as tortas de millo coa antiga N-VI, acollemos a milleiros de festivaleiros cada ano en Pardiñas e a nosa hostelería ten acadado un alto grado de calidade e recibe centos de visitantes. A paisaxe, o património etnográfico, natural e relixioso son outro reclamo que debemos potenciar, temos un rural único e moi diverso, con numerosos atractivos que animo a visitar, o do bó acollemento que a xente o dé por descontado...

ANTÓN DE GUIZÁN: Como ves a afectación do COVID no concello? Parece que alterou todo, coas consecuencias que virán tamén para o futuro...

MARISOL MORANDEIRA: Si, ten alterado todo. Esto que falamos agora  de facer un festival e outras iniciativas xa o tiñamos falado hai meses e debimos adialo, o prémio Díaz Castro igual, Pardiñas tivo que mudar o formato e despois todas as consecuencias sociais e económicas negativas que se derivaron da pandémia... Así e todo a vida sigue e coas lóxicas medidas que condicionan o traballo, a nosa obriga é programar e facelo pensando na xente, que é para quen traballamos, apoiando aos máis afectados, e tentando que esa nova “normalidade”, garanta o acceso á cultura, ao traballo e tamén ao ócio preservando a saúde das persoas. Agora mesmo estanse a desenvolver as actividades de Pardiñas ao longo do més con notábel éxito, que sin ser o mesmo que o festival, dannos a esperanza de que poderemos superar esta etapa con éxito. A xente amosa unha grande responsabilidade e Guitiriz demostrou até agora ser un lugar seguro, o que me enche de orgullo da xente do meu concello.

ANTÓN DE GUIZÁN: Pois ademáis de coincidir pola vila en calquera momento, verémonos seguro nesa primeira presentación da LAREIRA DE SOÑOS de Pas Veres e na planificación dese futuro Festival de Poesía Guitirica e aproveito para agradecerche a cordialidade e o apoio ao movimento poético, que sen dúbida dará contigo á cabeza do concello un salto cualitativo importante no futuro.

MARISOL MORANDEIRA: O Concello debe ser o lugar de encontro da sociedade civil, canalizador das iniciativas que xurden dela e no caso de non poder levarlas adiante, facer o posíbel por acadar apoios para levalas adiante, sobre todo iniciativas positivas e que xeren cohesión, que sumen. Entendo que neste caso non hai dúbida ningunha. Anímovos a seguir adiante co traballo desenvolvido e que contedes co concello de Guitiriz como a vosa casa, que ao fin, a NPG Nova Poesía Guitirica, como o nome dí, é parte de nós.

ANTÓN DE GUIZÁN: Obrigad@s Marisol!