Conversa: Pilar Maseda e Jaki

Conversa telefónica co poeta Jacobo Sánchez Quintela, "Jaki".

 

PILAR MASEDA: Bo día, Jacobo, que tal? Vénche ben conversar un anaquiño para facer unha entrevista para a GaZeta (Revista de agrupacións poéticas de base?

JAKI: Si, agora teño a meniña descansando. Xa sabes, hai que conciliar… A ver o tempo que temos, pois a cobertura do meu móbil non é moi boa.

PILAR MASEDA: Ben, ímoslle dando logo ata onde as ondas nos deixen. Jaki, ti fuches un dos fundadores da NPG, cóntanos, como viviches aquel inicio?

JAKI: Todo comezou arredor da figura do poeta Xosé María Díaz Castro. Daquela era o 25º aniversario da morte do poeta. Aquel ano fixéronse varios actos na homenaxe do camarada vilariño, un roteiro, varias xornadas didácticas e o documental “O instante eterno”.

PILAR MASEDA: Como chegaches ao mundo da poesía?

JAKI: Cheguei da man de Alfonso Blanco Torrado, quen foi profesor meu de ética no instituto.

PILAR MASEDA: Naciches nos Vilares?

JAKI: Non, eu nacín na Coruña e cando tiña 14 anos a miña familia e mais eu viñemos para Guitiriz para nos pór á fronte dun negocio familiar. Estudei dous anos de psicoloxía, pero logo deixeino para seguir a traballar. A poesía sempre foi unha canle onde verter os meus pensamentos e emocións. Publiquei algún traballo en Dorna de Santiago, en Xistral, así como o meu poemario “Delta”, editado por Irmandade Manuel María e Xermolos, con 48 poemas, limiar de Marica Campo e epílogo de Xosé A. Cascudo.

PILAR MASEDA: Vese na túa obra  a loita entre a timidez e a rebeldía do poeta que se reafirma home de principios, vencellado á terra. Nese fluír de emocións, nesa mestura de augas doces e salgadas [...]. Cres na poesía cultivada, encorsetada?

JAKI: Para min, a poesía ten que partir da inspiración, eu son dos que precisan do meu tempo para que a poesía flúa. A miña visión da poesía tamén é a do pobo como ese círculo primixenio do que se hai que lembrar para non reducila a unha excesiva sucesión de figuras retóricas. Gosto dunha lírica que chegue a todos e todas.

PILAR MASEDA:Foi a ti a quen se lle ocorreu a idea das Vilariñas, non si?

JAKI: Si, foi unha idea que xurdiu en base á estrutura dos haikus, pequenos poemas que poden transportar grandes emocións.

PILAR MASEDA: Este ano imos pola 4ª edición do Certame das Vilariñas, o cal supón unha das principais iniciativas impulsadas pola NPG, como ves o futuro do colectivo?

JAKI: Eu véxoo ben. De feito, con inciativas como “Poemas pendurados das farolas” ou “Enredeversos” estivemos a descubrir moitos outros poetas, así como outros colectivos poéticos tanto de Galicia como de fóra do país [...].

PILAR MASEDA: Que estás a ler agora?

JAKI: Pois mira, estou a ler unha antoloxía de José Luis Borges e Años Salvajes (Barbarian Days) de William Finnegan.

PILAR MASEDA:Algunha voz feminina?

JAKI: Si, algo de Marica Campo e Profundidade de Campo de Yolanda Castaño.

 

 

CICLOXÉNESE

Chega a noite. Aí fora

a través dunha gaiola, fuxe o vento pola eira.

Vento que sacode as pólas e despeitea

o busto do poeta.

Foise a luz

e a escuridade, coma un demo cativo e tarabelo,

anda a facerme cóxegas na pranta dos pés.

 

Vento e auga nos Vilares. Noutra gaiola, dentro,

Estreitase, ai!, o meu verbo aceso.

Metido entre as sabas, 

lonxe de onde as nubes camiñan

sobre ondas que traban nas estrelas,

son un verso xigante

cheo de escuridade.

 

Jacobe Sánchez Quintela (Jaki)

27 de decembro de 1999

Do poemário DELTA (Xermolos, 2014).