Conversa: Pilar Alonso e Teresa Ríos

Comenzamos a sección de conversas e imos até Ponteareas, lugar no que se asenta o grupo poético de base Versos de Area. Nesta primeira conversa temos a dúas poetas do grupo, Teresa Ríos, a amiga e activa poeta e orixinaria da Costa da Morte e Pilar Alonso, a nosa flamante gañadora do #CertameVilariñas2020 . As dúas falan de como xurdíu Versos de Area e do pulso poético da súa vila nesta primeira conversa na NPG Gazeta que temos o pracer de presentarvos.

Conversa1VersosDeArea.JPG

PILAR: Teresa, entón cal foi o xermolo de Versos de Area?


TERESA: Pois... habelas hainas! Hai tres anos, as forzas cósmicas aliaronse aquel día cando iamos
camiñando Hortensia e máis eu polo paseo fluvial, e falabamos do potencial artístico que habia en
Ponteareas en diferentes eidos, e unha cousa levou a outra. Comentoume ela, que nos Xogos Florais habia
unha enorme creatividade, pero que se necesitaba un soporte para encauzar todo iso. Foi entón cando
xurdiu a idea dende a Concelleria de Cultura, de facer un obradoiro que aunase toda esa enerxía creativa e
ao mesmo tempo servise como vía de conexión entre xente que gostaba da literatura e nomeadamente da
poesía.


PILAR: Efectivamente, foi unha idea extraordinaria! Xuntouse un grupo de xente que conectamos moi
ben.


TERESA: Mágoa que por motivos laborais algúns e personais outros, o grupo foise reducindo. Foi aí
cando pensei na conveniencia de non perder o contacto e dalgunha maneira continuar coa poesía fora do
curso de escrita.


PILAR: Lembras cando me dixeches que me convidavas a tomar unha cervexa en casa Ferreira, que tiñas
unha idea rondandoche os miolos?


TERESA: Si. Ti marchabas correndo para os ensaios coma sempre. E eu medio te asaltei, porque estaba
vendo que chegaba o vran, remataba todo e perdíamos unha oportunidade magnífica para desenvolver a
miña idea. Eu pensei que podíamos xuntarnos, para compartir as nosas creacións e seguir desfrutando de
bos momentos.
Foi aí cando tí suxeriches o das tarxetas con versos viaxeiros, pero ao final decantámonos por propoñer a
Concellería de Cultura a posibilidade de encher os pasos de peóns con versos de creadores pontareáns. Aí
foi o noso bautizo coma Agrupación poética Versos de Area


PILAR: Foi todo rodado. En agosto xa estabamos dando o noso primeiro recital cara ao público e con moi
boa acollida.


TERESA: Efectivamente! O formato que empregamos foi un acerto. O recital dividido en dúas partes, un
tempo máximo de cinco minutos por colaborador e logo un tempo de “micro aberto” donde se convidaba
a recitar ao público, ben composicións propias ou de autores. Foi moi grato comprobar que a xente si se
interesa pola poesía. Porque ademais de estaren atentos durante a nosa intervención, moitos deles
anotáronse nese espazo.
E despois seguimos con periodicidade mensual en locales por toda a comarca, e mesmo demos o salto a
Vigo, grazas ao convite da libraria Cartabón.


PILAR: Ata que o COVID nos paralizou!


TERESA: Pero aínda así, grazas aos compañeiros de Nova Poesía Guitirica, que nos convidaron a
participar en Enredeversos, tivemos a oportunidade de non quedar parados, continuar camiño e coñecer a
outros poetas.
E ademáis tamén temos a páxina, que é o medio ideal para interactuar co resto de agrupacións poéticas e
espallar a poesía pola rede. Aínda que as nosas expectativas eran modestas, imos comprobando cada día
que está sendo unha canle magnífica para dar voz a poesía de base.


PILAR: Si, pero nós como de verdade desfrutamos é en directo. Entón cando a “nova normalidade” no lo
permita, retomaremos os proxectos adiados.
TERESA: E conseguiremos levar a cabo esa idea dos roteiros literarios, homenaxeando aos creadores

pontareáns. É gratísimo comprobar o rexurdimento da poesía tan necesaria nestes momentos e ademais
sen límite de idade nin distinción de xénero.


PILAR: Está claro que na poesía é onde podemos atopar a quietude necesaria, para arredarnos dunha
realidade que as veces resulta abafante.